Friday 17 de May de 2024

Galicia establece por decreto os tempos máximos de espera para a atención sanitaria hospitalaria


Salienta que o texto permitirá garantir un tempo máximo de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxentes de 60 días naturais nas intervencións cirúrxicas, de 45 días nas consultas externas e 45 días nas probas diagnóstica e terapéutica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o inicio da tramitación do decreto que regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas hospitalarias.

Feijóo afirmou que a redución das listas de espera nos distintos ámbitos é un dos obxectivos do Goberno galego e, nesta liña, salientou que os datos avalan que os esforzos están a dar os seus froitos. “Hai que agradecer novamente aos profesionais sanitarios que Galicia estea por debaixo da media das esperas do Sistema Nacional de Saúde”, dixo, logo de precisar que, tanto na espera cirúrxica como na de consultas, os indicadores amosan que “imos mellorando ano a ano e que estamos mellor que a media dos servizos de saúde que integran o Sistema Nacional de Saúde”.

Non obstante, e lonxe de caer na autocompracencia, o titular do Executivo autonómico garantiu o compromiso de seguir traballando, ao que subliñou que o novo decreto establecerá os procedementos e situacións clínicas para as diferentes modalidades asistenciais de cirurxía, consultas e probas, con tempos máximos para levalos a cabo e con garantías individuais para cada paciente.

O texto permitirá garantir un tempo máximo de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxentes de 60 días naturais nas intervencións cirúrxicas, de 45 días nas consultas externas e 45 días nas probas diagnóstica e terapéutica.

“Ata o de agora se establecían 180 días de espera máxima para intervencións cirúrxicas programadas e non urxentes e agora pasamos a 60 días. Esixímonos uns tempos de espera sanitaria para os cidadáns galegos moito máis reducidos dos que obriga a actual lexislación e con plenas garantías de cumprimento”, incidiu, ao que engadiu que o texto establece que cando o Sergas non poida ofertar ao cidadán a atención no tempo máximo establecido, o paciente poderá optar por continuar na lista de espera no centro que lle corresponde ou requirir atención noutro centro acreditado en Galicia.

No caso de que o Servizo galego de Saúde non poda destinar ao paciente a outro centro público, este terá a opción de ir a un centro concertado polo Sergas e será o Servizo galego de Saúde o que abone os custos. “Así pois, non só establecemos uns límites máximos de espera hospitalaria en ámbitos onde outros non se autoimpoñen nada, senón que reducímolos de case medio ano a tan só dous meses nas intervencións cirúrxicas e mes e medio no caso das consultas externas e das probas diagnósticas e terapéuticas”, asegurou, a modo de resumo.